Thursday 02 de May de 2024

A Xunta presenta o cartel de “O Son do Camiño-Perseidas” que reunirá no Monte do Gozo entre o 14 de xullo e o 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais


Galicia volverá converterse neste verán referente musical cun novo formato de concertos adaptado á situación derivada da pandemia da covid-19

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe o cartel, que contará con 18 artistas en 11 días e tódalas medidas de prevención ante a covid-19

Alfonso Rueda destacou a importancia de recuperar a confianza do público na asistencia aos concertos, que marcan a esencia de cada Ano Santo

Contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi, Xoel López, Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe o cartel dos concertos de O Son do Camiño-Perseidas, un novo formato do coñecido festival adaptado ás circunstancias da pandemia e que congregará do 14 de xullo ao 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo.

Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo 21-22. O Son do Camiño-Perseidas contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi ou Xoel López. O cartel complétase con Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren.

Así o deron a coñecer hoxe Alfonso Rueda e Román Rodríguez xunto con representantes das empresas organizadoras deste ciclo de concertos, Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise. Ademais, en tódolos concertos aplicaranse tódalas medidas de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos asistentes.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que os concertos son a esencia da celebración de cada Ano Santo, polo que este evento será importante para recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos públicos con tódalas garantías. Así, incidiu en que o Xacobeo serve de elemento transversal para impulsar o crecemento das industrias culturais e musicais e posicionar a Galicia como sinónimo de calidade.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que O Son do Camiño-Perseidas representa “un puntal da recuperación do sector cultural a nivel nacional”, ao tempo que sitúa a Galicia “como exemplo de xestión, de administración e de apoio á industria”. Así mesmo, salientou “a variedade e a excelencia da escena galega” representada nun cartel que exhibe o músculo musical e a promoción dos artistas autóctonos.